Remata un ano cargado de novidades para as persoas con dano cerebral adquirido e para o noso tecido asociativo. Un ano de avances e logros que tamén definen os nosos novos retos; un 2024 no que culminamos o proceso de dotarnos dunha marca común para todo o movemento asociativo a nivel estatal, autonómico e local: agora somos Dano Cerebral Galicia.
O voso apoio como colaboradores e financiadores leva sido fundamental para o desenvolvemento de todas as nosas actividades; cada gran de area foi imprescindible para seguir traballando cun mesmo horizonte -como expresa a nosa misión, mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias-. Queremos compartir convosco a nosa ledicia polos pasos dados, agradecer a colaboración e desexarvos que pasedes unhas boas festas e que teñades un feliz e saudable 2025, cargado de prevención, dereitos e inclusión para as persoas e familias con dano cerebral adquirido.
Deixámosvos, por último, na compaña de Historia(s) do dano cerebral adquirido: un percorrido pola abordaxe da nosa discapacidade desde hai séculos ata os nosos días, no que se evidencia a aceleración a nivel de conquistas desde a promulgación da Convención de Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU, así como do despregamento do tecido asociativo do dano cerebral.
Agardamos que vos guste... e seguir escribindo xuntos/as moitos novos capítulos! |