Se non podes ver ben este boletín, preme aquí

 

Actualidade do Dano Cerebral Adquirido en Galicia [nº188] 

 

Mércores, 05/03/2025

Unha 'X Solidaria' que chega a máis de 2.000 persoas con dano cerebral adquirido 

As persoas que marcan 'X Solidaria' na súa declaración da renda saben que axudan a centos de proxectos sociais que repercuten na vida de miles de persoas. Parte destas persoas son as que compoñen o colectivo do dano cerebral adquirido: sobre todo as persoas con esta discapacidade, pero tamén familiares e persoas coidadoras, membros das asociación -tanto persoal técnico como directivo e asociado-, voluntariado, e tamén, finalmente, o conxunto da sociedade galega, que se beneficia principalmente das accións de sensibilización e concienciación para a prevención do dano cerebral, que tamén se inclúen nos nove programas que executamos entre Alento, Dano Cerebral A Coruña ADACECO, Dano Cerebral Lugo, Dano Cerebral Santiago de Compostela, DCA Ourense e Dano Cerebral Galicia.

 

Dano Cerebral Lugo presenta ao conselleiro de Sanidade a súa necesidade de ampliación

Gómez Caamaño visitou a sede da asociación, onde anunciou que a posta en marcha do PAI comezará na área sanitaria da Coruña.

 

Colaboramos con Chévere asesorando á compañía sobre dano cerebral e accesibilidade

O grupo, que está a documentarse para a súa vindeira obra, estableceu contacto con Dano Cerebral Galicia nunha sesión de ocio inclusivo.

 

O tempo é cerebro: coñece ben os síntomas de alarma do ictus e actúa canto antes

No Día Europeo do 112, lembramos a necesidade de chamar rapidamente a emerxencias para non dilatar o traslado ao hospital.

 

O ictus e a súa detección protagonizan dúas campañas televisivas no mes de febreiro

Mediaset e RTVE céntranse na difusión dos síntomas de alarma do que é a principal causa do dano cerebral adquirido.

 

O Goberno aprobou un Anteproxecto que refunde as Leis de Dependencia e Discapacidade

Esta reforma pretende avanzar na incorporación do paradigma de dereitos e coidados e desenvolver o Artigo 49 da Constitución.

 

AS NOSAS ASOCIACIÓNS

 

Dano Cerebral A Coruña ADACECO

Terapia ocupacional e fisioterapia únense para a recuperación da mobilidade; Dano Cerebral A Coruña ADACECO resume o programa de rehabilitación física dun dos seus usuarios nas dúas disciplinas profesionais.

Dano Cerebral Lugo

Dano Cerebral Lugo lanza Lerflix, un grupo online de debate, reflexión e opinión. As persoas con dano cerebral adquirido da entidade fundan un foro online no que comentar series, libros e películas.

Alento

Alento puxo en marcha a EscolaDCA 2025. Despois dunha formación sobre calida de devida familiar, a cita de marzo será 'O invisible do cerebro (Como convivir coas secuelas cognitivas)'. Inscrición aberta!

DCA Ourense

Como se empregan os 'pods' na rehabilitación neurolóxica na asociación DCA Ourense? Trátase de dispositivos con luces que se incorporan a través de xogos e retos nas terapias, traballando secuelas físicas e motoras.

Dano Cerebral Santiago de Compostela

Dano Cerebral Santiago de Compostela súmase á iniciativa '12 comercios, 12 sensibilidades' da man de Trisquel Artesanía. É unha das entidades sociais ás que cada mes un comercio local dá visibilidade co apoio do Concello.

 

AXENDA

Charlas de 'Aproximación ao dano cerebral'

 

Dano Cerebral Galicia vai levar a máis dunha ducia de concellos, durante marzo e abril, unha charla que ten como obxectivos informar sobre as causas -como o ictus ou os traumatismos cranioencefálicos-, describir as secuelas, sensibilizar sobre a prevención, e achegar referencias sobre os recursos de atención ao dano cerebral (adaptando a cada localidade ou comarca estas recomendacións). Consulta aquí a lista e inscríbete!

DESTACAMOS

Formación

 

A capacitación de todo o persoal implicado na atención a persoas con dano cerebral adquirido, sexa a nivel formal ou informal, é moi importante para nós. Por iso organizamos accións de formación sobre apoio no fogar, autocoidado para coidadoras, sexualidade, ou alimentación, deglutición e nutrición, que poden ser online ou presenciais, e que se van anunciando a través da nosa web e redes. Atención ás chamadas!

Dano Cerebral Galicia

Rúa Galeras, 17, 2º, oficina 5 - 15705 Santiago de Compostela

881 943 148 • 659 177 709

Darme de baja